Saturday 18 de May de 2024

O Concello presenta no Aquarium Finisterrae ‘De auga e de terra. Unha exposición sobre os anfibios galegos’


Está formada por 15 imaxes realizadas polo biólogo coruñés Ismael Puente que mostran todas as ras, sapos, tritóns e píntegas que habitan na natureza galega

O Concello presenta a mostra ‘De auga e de terra. Unha exposición sobre anfibios galegos’. Está producida polo Concello da Coruña para o Aquarium Finisterrae e atópase no Corredor López Seoane, un espazo que quere lembrar ao naturalista galego máis importante do século XIX, quen precisamente describiu para a ciencia dúas dos anfibios galegos: a ra galaica, Rana parvipalmata, e a ra verde, Pelophylax perezi.

A exposición contén 15 imaxes que inclúen todas as ras, sapos, tritóns e píntegas que habitan na natureza galega. Xunto ás imaxes expóñense algunhas das características biolóxicas destas especies así como outros aspectos curiosos do seu comportamento e ecoloxía. Así, poderemos coñecer o caso do sapo de esporóns (Pelobates cultripes) que habita en exclusiva en zonas de substratos areosos, como as dunas costeiras e as súas marismas. A urbanización do litoral que altera e fragmenta os ecosistemas dunais fai que esta especie de anfibio sexa a máis escasa de Galicia, onde está considerada en perigo de extinción.

Outra especie realmente curiosa é a estroza ou ‘ranita’ de San Antón (Hyla molleri). Os machos presentan un gran saco vocal que empregan para emitir fortes cantos tratando de atraer ás femias para reproducirse. As femias seleccionarán aqueles machos de maior tamaño capaces de producir cantos máis intensos. Ademais, este xénero de ras presentan unhas adaptacións nos dedos que lles permiten adherirse a superficies lisas, o que fai desta especie o único anfibio semiarborícola de Galicia.

E polo interese biolóxico poderiamos destacar tamén a saramaganta ou píntega rabilarga (Chioglossa lusitanica). É, sen dúbida, un dos anfibios máis singulares que podemos atopar en exclusiva no noroeste da Península Ibérica. Recibe o seu nome pola esaxerada lonxitude da súa cola, da que pode desprenderse como o fai unha lagarta cando se atopa en perigo. É ademais a última representante do seu xénero e sobreviviu na nosa rexión desde as últimas glaciaciones, hai máis de 20.000 anos.

Os anfibios son o grupo de vertebrados máis ameazado do planeta. Preto do 42% das especies coñecidas contan con algunha categoría de ameaza. Das 14 especies presentes en Galicia, 8 contan con algún grao de ameaza a nivel rexional. A destrución dos seus hábitats, o uso de produtos fitosanitarios ou a aparición de enfermidades emerxentes están a levar a estas especies ao bordo da extinción.

O autor

As imaxes da exposición foron realizadas polo biólogo Ismael Puente. Nacido na Coruña, estudou Bioloxía na Universidade da Coruña, onde comezou a traballar no estudo e conservación dos anfibios e réptiles de Galicia. Actualmente traballa nos Museos Científicos Coruñeses e colabora coa Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos (CIBIO) no estudo da bioloxía e conservación da herpetofauna galega.

O Goberno de Inés Rey amosa, unha vez máis, o seu compromiso coa oferta expositiva dos Museos Científicos Coruñeses. “Os nosos museos son un dos piares que contribuíron á modernización da Coruña e, polo tanto, temos que coidar e dar valor á súa programación temporal e ao resto de actividades que organizan”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade.